GAPAVET
Anatomía Patolóxica Veterinaria


Campus Universitario, 27002, Lugo
Presentación xeral
O obxectivo fundamental do grupo baséase no estudo de enfermidades de alto impacto, principalmente, no sector da produción animal, mediante a análise das súas manifestacións morfolóxicas a través da necropsia e o estudo histopatolóxico. Integramos os nosos resultados con diversas disciplinas (bioloxía, clínica, microbioloxía, inmunoloxía, parasitoloxía, xenética, farmacoloxía, diagnóstico por imaxe...), acadando unha abordaxe multidisciplinaria das enfermidades para o desenvolvemento de biomarcadores e técnicas de diagnóstico, ou o deseño de medidas de prevención, control e tratamento. O noso eido de aplicación esténdese a especies animais domésticas e salvaxes, animais de experimentación e animais acuáticos, téndonos especializado nos últimos 20 anos no eido da ictiopatoloxía. A experiencia adquirida na saúde dos peixes e experimentación animal levou ao grupo a desenvolver unha nova liña de investigación no eido da biomedicina empregando modelos animais, principalmente, peixe cebra.
Liñas de investigación
• Diagnóstico de enfermidades comúns e emerxentes en mamíferos, aves e especies acuáticas.• Estudo da interacción patóxeno-hóspede, mediante un enfoque clínico e morfopatolóxico, incluída a integración nun contexto tisular de resultados procedentes de estudos multidisciplinarios.
• Estudo morfopatolóxico e de resposta inmunitaria local en mucosas (valoración do grao de saúde intestinal, cutánea e branquial, contribución ao estudo do microbioma das mucosas, avaliación do efecto de diferentes dietas e tratamentos en animais de produción…)
• Avaliación da esqueletoxénese, anomalías esqueléticas e musculares en diferentes fases de produción de peixes de cultivo.
• Desenvolvemento de novas ferramentas de diagnóstico, prevención e control.
• Realización de modelos experimentais de enfermidades animais e humanas en peixe cebra.
PERSOAL
Mª Isabel Quiroga (Coordinadora. Responsable de I+D e formación continua)Roberto Bermúdez (Responsable de transferencia e servizos)
Sonia Vázquez (Responsable de benestar e experimentación animal)
Ana Paula Losada (Responsable de comunicación, divulgación e educación científica)
Ana Manuela de Azevedo (Integrada na liña de investigación de esqueletoxénese e anomalías esqueléticas en peixes)
Sandra Maceiras (Técnico de laboratorio de apoio á investigación, servizos e transferencia)
RESULTADOS APLICADOS
• Prestación de servizos á administración pública, empresas de produción animal, profesionais veterinarios, zoos e acuarios para o diagnóstico anatomopatolóxico de enfermidades en diferentes especies animais.• Prestación de servizos e colaboración científica con empresas e centros/grupos de investigación para a avaliación dos efectos de dietas / tratamentos / vacinas en especies animais, así como para a optimización de protocolos de produción.
• Asesoramento a empresas e centros/grupos de investigación na avaliación do estado sanitario e benestar en animais de produción e experimentación (os membros do equipo dispoñen dos certificados de capacitación en materia de protección de animais de experimentación).
• Organización de cursos de formación e actividades de divulgación científica.
PRINCIPAIS CAPACIDADES/SERVIZOS
• Realización do diagnóstico de enfermidades comúns e emerxentes en animais mediante a realización de necropsias e estudos histopatolóxicos, inmunohistoquímicos, moleculares e de microscopia electrónica.• Establecemento do contexto clínico e tisular para estudos microbiolóxicos, parasitolóxicos, toxicolóxicos, de expresión xénica, etc., incluída a caracterización de fenotipos e a integración e interpretación de resultados "-ómicos".
• Avaliación da eficacia de intervencións na saúde e mellora da produción animal: vacinas, tratamentos, dietas, diferentes protocolos de produción…
• Desenvolvemento e optimización de técnicas citoquímicas, histoquímicas, inmunohistoquímicas, morfométricas, microdisección láser e de microscopia electrónica con fins de diagnóstico e investigación.
• Validación de técnicas de diagnóstico mediante histopatoloxía.
• Desenvolvemento de modelos experimentais de enfermidades, humanas e animais, en peixe cebra.
• Seguimento epidemiolóxico, avaliación do estado sanitario e benestar animal.
• Impartición de cursos de formación de diagnóstico e patoloxía animal.
• Formación para optar ao Diploma do European College of Aquatic Animal Health (varios membros do grupo posúen o título de European Veterinary Specialist do EBVS).
• Fomento da comunicación, divulgación e educación científica.
EQUIPOS SINGULARES ESPECIALMENTE RELEVANTES
O grupo de investigación conta co seguinte equipamento:• Sala de necropsias, apta para pequenos e grandes animais. Nivel de bioseguridade 2.
• Mesa de tallado e cámaras de fotos dixitais e estereomicroscopio para a realización de macrofotografía.
• Laboratorio de histoloxía e inmunohistoquímica: infraestrutura necesaria para a preparación e exame de cortes histolóxicos (micrótomos, crióstato, estación de inclusión de parafina, cámara de fluxo laminar, baterías de coloración, microscopios ópticos e de discusión), preparación de mostras citolóxicas (cytospin), realización de técnicas inmunohistoquímicas de xeito manual e automatizado (inmunotinguidor robotizado), estudos morfométricos, e para a toma de microfotografías dixitais (cámaras para microfotografía de alta resolución).
• Laboratorio de diagnóstico molecular. Infraestrutura para realización de hibridación in situ sobre cortes histolóxicos con sondas de ADN e ARN e PCR.
Faise tamén uso habitual dos servizos e equipamento dispoñibles no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (equipos de diagnóstico por imaxe, hematoloxía e bioquímica), na Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) (microscopio electrónico de varrido e transmisión, microscopio confocal, microdisector láser), do acuario da Facultade de Bioloxía e do Laboratorio de Peixe Cebra da USC.